Saturday 04 de May de 2024

O Pleno de Brión aproba por unanimidade solicitar un préstamo de 2,7 millóns de euros ao IDAE para melloras do alumeado municipal


Aprobado un crédito extraordinario de 390.346 euros para a ampliación do polideportivo municipal de Pedrouzos

O Pleno de Brión, reunido hoxe na sesión ordinaria do mes de outubro, aprobou por unanimidade unha proposta da Alcaldía para a solicitude dunha achega de 2.770.900 euros ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dentro das axudas que este organismo ten convocadas para proxectos singulares de alumeado municipal. Unhas axudas consistentes en préstamos a interese cero e a devolver en 10 anos, cos primeiros doce meses de carencia.

O pleno aprobou solicitar a participación do Concello de Brión neste programa, para o que presentará unha memoria descritiva coas necesidades de mellora do alumeado público municipal. “Levamos tres anos presentándonos a estas subvencións sen éxito, agardemos que desta vez se acorden de Brión”, desexou o alcalde, Pablo Lago.

Polideportivo de Pedrouzos

A unanimidade caracterizou toda a sesión, pois todos os puntos saíron adiante co respaldo dos tres grupos municipais e sen ningunha intervención ou debate, salvo na quenda de rogos e preguntas. Así, o Pleno aprobou un crédito extraordinario de 390.346,08 euros para a ampliación do polideportivo municipal de Pedrouzos, para a que está solicitada unha subvención de 150.000 euros na Deputación da Coruña. Coa aprobación de hoxe, en canto a Deputación herculina dea o visto e bo á devandita subvención nominativa, solicitada en 2021 e comprometida pola entidade herculina este mesmo ano.

O proxecto de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos inclúe a construción dun segundo recinto de 630 m2 a carón do actual polideportivo e que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, de 128,77 m2, que protexerá da choiva tanto ás persoas usuarias desta instalación como ao alumnado do CEIP e do IES que utilizan os autobuses escolares para achegarse ou marchar do centro durante a xornada de mañá.

No resto da sesión, o pleno aprobou o cambio desta sesión ordinaria do mércores ao venres e a actualización da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo subministro de auga dun 2,6%, correspondente ao IPC de agosto 2022 a agosto de 2023, tal e como se recolle no contrato pola prestación deste servizo. Así mesmo, o Pleno tomou coñecemento do cambio de voceiro do grupo municipal do Partido Popular, no que María Friña Bellón toma o relevo de Adrián García García, quedando Trinidad Yolanda Rico Rodríguez como voceira suplente.